Aprobada a moción de Veciñanza para a defensa do Camiño da Misa da Louriña

O pasado xoves celebrouse o primeiro pleno de 2017. Nel foi aprobada a moción que presentabamos para reposición da legalidade e a defensa do camiño público da Louriña, o coñecido como ‘Camiño da Misa’. Este punto provocou unha brusca reacción do voceiro do Partido Popular contra o noso grupo, mesturando acusacións e mentiras para distorsionar o verdadeiro asunto en cuestión. Foi unha posta en escena verdadeiramente lamentable para adornar o seu voto en contra da nosa moción, en contra de que o Concello de Cuntis protexa un espazo público en defensa da maioría dos veciños/as.

Aprobouse, previamente, un recoñecemento extraxudicial de crédito de máis de 25700 euros destinado a pagar facturas pendentes. Como expuxemos naquel momento, esta figura é un procedemento excepcional e a súa utilización é máis difícil de entender nun goberno que traballa cuns orzamentos aprobados como é o de Cuntis. O actual alcalde queixouse en reiteradas ocasións durante a lexislatura pasada que o anterior goberno do PP presentaba recoñecementos extraxudiciais deste tipo incluíndo neles facturas de moi diversa natureza. Pois ben, o aprobado a semana pasada mantén exactamente o mesmo patrón, nel entraron facturas que van dende comidas a un centro fúnebre pasando por recibos da luz, placas do cemiterio, gasolineira, mantementos, publicidades ou a subscripción dunha editorial. Veciñanza non avala este tipo de xestión económica e decidimos absternos neste punto, que foi aprobado cos votos do goberno bipartito e máis do PP.

A seguir aprobouse, desestimando as alegacións presentadas, a Ordenanza municipal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións de saca de madeira. Saíu adiante por unanimidade.

Aprobouse tamén, como adiantabamos anteriormente, a moción presentada por Veciñanza para que o Concello inicie de oficio o expediente de reposición da legalidade ante a ocupación do Camiño da Misa, na aldea da Louriña. Suscitou o malestar do voceiro do Partido Popular, como se pode comprobar no vídeo do pleno, e provocou unha vez máis a división de voto dos seus concelleiros: ofreceron dous votos en contra e tres abstencións. O Sr. Pena leu o contido do auto xudicial que o absolve da denuncia por prevaricación presentada contra el durante a lexislatura pasada e que semella ser a causante das súas iras. Temos que expresar a nosa satisfacción pola aprobación desta moción, que servirá para que o Concello (segundo prometeu o Alcalde) inicie xa no próximo pleno o expediente de oficio que se debera ter iniciado fai tanto tempo. Estaremos vixiantes porque a historia deste conflito está chea palabras incumpridas.

A seguir foi a quenda da moción presentada polo BNG – Grupo Mixto para para promover a liberdade de conciencia e a non confesionalidade estatal do Concello de Cuntis. Contou co noso apoio, malia deixarmos constancia das incoherencias que arroxa a presentación desta moción. Foi aprobada co voto en contra do PP, que protagonizou de novo unha intervención por momentos bochornosa. O intercambio de impresións entre o voceiro do Partido Popular e concelleiro do BNG deixou momentos de certa vergoña allea (véxase o vídeo). Cuntis merece debates cun mínimo de seriedade e non exhibicións de ridiculismo como nalgúns momentos vimos no pleno do pasado xoves. Foron tamén aprobadas as dúas mocións restantes que presentou o BNG, contando ámbalas dúas co noso apoio.

Por ultimo, no punto de rogos e preguntas quixemos facer un breve repaso dos temas pendentes máis salientables que pasamos a resumir:

  • PXOM: o Alcalde mantivo recentemente unha reunión co redactor do proxecto e a conclusión que o propio Campos Velay expuxo foi que cómpre iniciar todo de novo, co cal este documento de vital importancia para o noso municipio segue sen data próxima de aprobación.
  • Cesión do baixo da Casa dos Mestres para situar alí as dependencias dos Servizos Sociais municipais: o Alcalde informou de que esta intervención irá a cargo do tranferido pola Deputación no Plan Concellos deste ano.
  • Parcelaria de Troáns: estanse a resolver as alegacións presentadas pero segue sen data de resolución.
  • Cesión do Centro de Saúde á Xunta: sen novidades. Logo de ‘perderse’ certa documentación cómpre iniciar de novo a tramitación. O Concello está en contacto coa FEGAMP, pero iso é o mesmo que sabemos dende fai varios meses. Unha das principais reclamacións do PSOE na oposición perdeu agora toda intensidade no goberno.
  • Polígono Industrial: o Alcalde non quixo confirmar con precisión o estado da tramitación, mais informou da posibilidade de termos noticias positivas en pouco tempo. Quedamos coa incógnita.
  • Recurso da empresa Galaurea na licitación do contrato de Axuda no Fogar: sen novidades.
  • Orzamentos Participativos: próximamente convocarase ao resto dos grupos para falar do regulamento que Veciñanza esixiu.
  • Contratación dun traballador para a area de Turismo: o Alcalde informou de que a oferta foi exposta na web de FEUGA. Coidamos que a transparencia deste proceso deixou moito que desexar, pois nin tan sequera na web municipal se podía atopar a oferta nin os perfís de redes sociais informaron dela.
  • Preguntamos polo convenio cun xornal dixital de ámbito comarcal que consiste na inserción dun banner de publicidade do Concello de Cuntis. O Alcalde explicou que o manteñen porque lles parece positivo. O seu custe é de 363 euros mensuais.
  • Finalmente fixemos unha breve valoración da programación de Nadal, marcada como tantas outras polo continuísmo a respecto da lexislatura pasada. Baseándonos nas aportacións recibidas por veciños/as e comerciantes, entendemos que as catro da tarde non é o mellor horario para a Cabalgata de Reis, e á vista da escasa asistencia de público semella que é unha opinión xeralizada. Ademais, a concentración de todas as actividades no Pavillón Municipal impide que o impacto económico no pequeno comercio da vila sexa practicamente nulo. O Alcalde rexeitou estas valoracións e defendeu a súa programación.
Share

Tamén pode gustarche...

2 respostas

  1. 1 Abril, 2017

    […] o inicio do expediente de investigación de titularidade do chamado Camiño da Misa, na Louriña, a partires da moción que Veciñanza impulsara no pleno anterior. É un expediente, como salientou o propio Alcalde, de oficio, no que a administración por fin […]

  2. 6 Abril, 2018

    […] do Pleno Municipal de Cuntis na que, entre outros asuntos, conseguimos reabrir o expediente para a recuperación do Camiño da Misa (da Louriña). Viuse impulsada outra das iniciativas que Veciñanza viña demandando: a convocatoria de […]